O Concello mellorará o acceso e a seguridade viaria no centro de saúde de Ponte Sampaio

Pontevedra
07 de novembro 2021

Dentro do proxecto está recollida a instalación dun paso de peóns sobreelevado, a creación dunha praza de estacionamento exclusivo para ambulancias e, ao seu carón, outra para vehículos de persoas con mobilidade reducida

Centro de saúde de Ponte Sampaio
Centro de saúde de Ponte Sampaio / PontevedraViva

As melloras na seguranza viaria e a accesibilidade nos puntos de encontro veciñal do rural seguen a estar na orde do día no Concello de Pontevedra.

A última destas actuacións é nas inmediacións do centro de saúde de Ponte Sampaio, onde teñen previsto reordenar os espazos para mellorar a atención das urxencias sanitarias así como a seguridade dos veciños.

Dentro do proxecto está recollida a instalación dun paso de peóns sobreelevado, cuxo lombo xa está instalado, e que exerce, por un lado, de elemento de calmado de tráfico pero tamén permite eliminar os problemas de accesibilidade da zona colocando ao mesmo nivel as beirarrúas e a calzada.

Agora, a empresa constructora rematará as beirarrúas ao longo da vindeira semana ademais de pintar o paso de peóns.

Para poder instalar o lombo, o Concello tivo que pedir autorización á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia que permitiu a súa colocación, decisión que aplauden xa que "habitualmente non autoriza a instalación destes elementos de calmado de tráfico nas súas estradas, aínda que o executen outras administracións".

Finalmente, dentro do proxecto tamén teñen previsto a creación dunha praza de estacionamento exclusivo para ambulancias e, ao seu carón, outra para vehículos de persoas con mobilidade reducida. Ademais mellorarán tamén o espazo no que se sitúa a zona de reciclaxe que está nas inmediacións deste ambulatorio, creando unha plataforma de formigón que facilite o uso.

Para esta serie de actuacións, que está a realizar a empresa Obras, Proyectos y Actividades S.L na parroquia de Ponte Sampaio, invístense uns 31.000 euros.