O Concello, "predisposto" a ampliar o horario das terrazas da hostalería

Pontevedra
24 de abril 2017

Unha das principais demandas do sector hostaleiro da cidade, a ampliación do horario permitido para as terrazas, será aceptada polo Concello. Polo menos, así o indicou a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, que asegurou que existe "predisposición" no goberno municipal para aprobar esta modificación

Xuntanza para elaborar a Ordenanza de Veladores
Xuntanza para elaborar a Ordenanza de Veladores / Mónica Patxot

Unha das principais demandas do sector hostaleiro da cidade, a ampliación do horario permitido para as terrazas, será aceptada polo Concello. Polo menos, así o indicou a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, que asegurou que existe "predisposición" no goberno municipal para aprobar esta modificación.

Antes de reunirse cos hostaleiros, nun encontro que se celebrou na Casa da Luz, a edil do BNG explicou que o Concello ve "razoable" que a nova ordenanza que regulará o funcionamento de terrazas e veladores contemple adiantar o horario no que os hostaleiros poden ocupar o espazo público.

A normativa actual fixa que os bares non poden instalar as súas terrazas antes das once da mañá, pero o Concello aposta por permitir que se poidan colocar antes para que os hostaleiros "poidan aproveitar as horas do almorzo".

A intención do goberno municipal era escoitar as propostas dos hostaleiros, principais afectados por esta normativa. Anabel Gulías informou de que era unha demanda que podería considerarse, pero que tería que compaxinarse coa limpeza dos espazos públicos tanto por parte dos hostaleiros como do Concello. Sobre a ampliación do horario durante todo o ano, a concelleira prefire escoitar outros sectores antes de pechar este punto.

Cos hostaleiros, búscanse acordar aspectos como a distribución dos veladores, a ocupación de espazos ou o uso de elementos ornamentais, ata a colocación de toldos, peches, calefactores, os horarios de apertura ou a publicidade nas terrazas.

Este foi o primeiro contacto que o Concello realizou para modificar esta ordenanza, xa que Anabel Gulías reiterou que consultará tamén con outros sectores para atender "diferentes puntos de vista" sobre esta regulación.

Ademais, os técnicos municipais están a consultar ordenanzas similares xa en vigor noutras localidades "para ver o que se porá sobre a mesa" en Pontevedra.

A intención do Concello é aprobar esta nova ordenanza "canto antes".