O Concello reparará este martes a ponte sobre a autoestrada en Domingo Fontán

Pontevedra
10 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Se o tempo acompaña, está previsto achegar asfalto á conexión da ponte coa rúa tratando de minorar as molestias actuais para os condutores. O Concello de Pontevedra xa tratou de reparar este resalte hai varios meses e coa maquinaria no lugar, Audasa impediullo

Resalte na ponte sobre a autoestrada en Domingo Fontán PontevedraViva

O Concello de Pontevedra anunciou este domingo que, se o tempo acompaña, reparará este martes, 12 de marzo, a partir das 10.00 horas o resalte da rúa Domingo Fontán sobre a ponte da autoestrada, á saída da ponte das Correntes. 

É un traballo que fará a Concellería de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda, con "carácter provisional e excepcional" ante as reiteradas queixas de condutores que empregan esta zona da cidade e "ante a inacción de Fomento", afirma o goberno local.

O consistorio capitalino reclamou en diversas ocasións a intervención do Ministerio ou a súa autorización, o Concello acordou actuar na ponte de Domingo Fontán sobre a autoestrada "aínda que non é de titularidade municipal, senón delegada en Fomento ou, no seu caso, en Audasa", a concesionaria da AP-9.

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera recoñecía este xoves que os usuarios da vía teñen razón á hora de queixarse sobre o estado do firme, e recordaba que a ponte non era propiedade municipal e, ademais, ese territorio está en discusión por lindes entre o Pontevedra e Poio.

A maiores, facendo uso da súa condición de deputado provincial, tamén lembraba que hai uns dez anos a Deputación provincial reparara parte do resalte até que lle obrigaron a abandonar o lugar, aínda que non era a súa competencia; igual que tratou de facer o Concello de Pontevedra meses atrás cando, coas máquinas no lugar para facer a reparación, un equipo de mantemento de Audasa presentouse no lugar parando a obra e informando que non era propiedade do Concello nin tiñan autorización para executalo.

A ponte sobre a autoestrada en Domingo Fontán será obxecto de reforma no proxecto de remodelación do nó de bombeiros, polo tanto a solución definitiva está naquela actuación. De todos os xeitos, César Mosquera adiantou que se tardará varios meses en intervir nese punto, polo que o Concello optou por reparalo "ante a inacción de Fomento", co que leva meses tratando de resolver o problema.

A intervención farase co equipo de sostemento da cidade achegando aglomerado na xunta que une a ponte coa estrada, en ambos sentidos. A Policía Local estará regulando o tráfico en toda a zona.