O culto ao mar enche as rúas de Combarro durante a fin de semana

Poio
24 de agosto 2024

Propostas gastronómicas, culturais e musicais poñen en valor a cultura e identidade mariñeiras, pero se hai un evento que recolle a esencia do mundo do mar e o Encontro de Embarcacións Tradicionais, organizado polo Club Mariño A Reiboa durante as xornadas do sábado e o domingo

Concerto de The Rapants na Festa do Mar 2024
Concerto de The Rapants na Festa do Mar 2024 /

Fin de semana de actividade intensa en Combarro dentro da programación da Festa do Mar que se celebra ata este domingo. Desde a inauguración do evento o xoves 22, as rúas da vila están cheas de actos e de xente e tamén se vive este culto ao mar na auga, coa presenza de máis de 50 embarcacións tradicionais 

Propostas gastronómicas, culturais e musicais poñen en valor a cultura e identidade mariñeiras, pero se hai un evento que recolle a esencia do mundo do mar é o Encontro de Embarcacións Tradicionais, organizado polo Club Mariño A Reiboa durante as xornadas do sábado e o domingo.

Este ano conta con máis de cincuenta participantes chegados de toda Galicia. O Encontro inaugurouse na mañá do sábado coa botadura da dorna reconstruída Carlú e a navegación libre pola ría.

Pola tarde, o programa recolle a participación na regata da Reiboa de dornas a vela (puntuable para a copa Morling) e na Regata da Pamplina, coa posterior entrega de premios. Para o domingo, está prevista a navegación a Tambo, cunha visita guiada á illa para as tripulacións en colaboración con Irmandade Illa de Tambo e, xa pola tarde, navegación libre pola ría como despedida.

Durante toda a fin de semana continúan na Praza da Chousa as exposicións da Carpa-Museo, que reciben visitantes que se interesan polas artes de pesca, as réplicas de barcos, as fotografías antigas e presentes e polas mostras máis específicas da conserva.

Todas as persoas que deciden quedarse a comer ou a cear fano nalgún dos máis de vinte locais de hostalería que hai en Combarro, onde consumen produtos do mar da máxima calidade.

Na parte musical, destacan as sesións vermús con música en directo de Raúl & Cía e Sobre todo ella ao mediodía (13.30 horas) de sábado e domingo. 

Tamén continúa ata o domingo a Mostra de Canción Mariñeira desde as 20.30 horas. Esta sábado actuarán Vento Mareiro e Pontus Veteris e o domingo será a agrupación local Vides Novas.

Xa pola noite deste sábado, celébrase na Praza da Chousa a Gala da Festa do Mar coa música de Soraya, Bombai e DJ Michi nunha noite na que os fogos de artificio iluminarán Combarro.

A Praza da Chousa, desde o xoves, reúne cada noite numerosas persoas para bailar, cantar e divertirse cos diferentes concertos programados, destinados para diferentes tipos de público.

O venres o público máis mozo achegouse para gozar do concerto da banda indie galega The Rapants, e o domingo ás 23.00 horas será a quenda de Remember Queen, un dos mellores tributos do mundo que no seu tour europeo fai parada en Poio.