O desemprego cae en Caldas a niveis anteriores ao estalido da pandemia

Umia
07 de abril 2021

O mes de marzo péchase na vila termal con 695 parados, a mellor cifra do mes de marzo desde o ano 2017. Con respecto ao mes anterior, o paro reduciuse en 46 persoas

Primeiro día do obradoiro de emprego na antiga Fábrica da Luz de Caldas
Primeiro día do obradoiro de emprego na antiga Fábrica da Luz de Caldas

O paro cae en Caldas. Xusto un ano despois do estalido da pandemia da covid-19, o número de desempregados sitúase no municipio en 695 persoas, 46 menos que en febreiro deste ano e 37 por baixo dos que se rexistraban en marzo de 2020.

Desde o goberno local realizaron un seguimento detallado da evolución do mercado laboral por sectores a nivel municipal e comarcal para constatar que Caldas foi un dos lugares que mellor resistiu a destrución de emprego dos últimos 12 meses. 

O mes de marzo foi un mes bo para todos os sectores en Caldas. O número de persoas en procura de emprego reduciuse en 21 no sector servizos, en 11, na construción; en 7, na industria; en 4, na agricultura; e en 3, sen emprego anterior. 

De feito os datos de desemprego rexistrados en Caldas en marzo do 2021 é a segunda cifra máis baixa desde o 2017. É estalido da crise sanitaria produciuse na vila termal con 732 parados, un ano despois o mercado laboral mostra signos de recuperación con 695 parados. O tirón de Caldas faise sentir tamén nos municipios de toda a comarca, na que o paro se reduciu en 87 persoas e reflicte un total de 2.344 desempregados.

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey sostén que estes datos "son unha gran noticia. Recuperar os niveis de emprego que había antes do inicio da pandemia é un punto de inflexión, pero isto non implica que debamos baixar a garda, seguiremos esforzándonos para apontoar a situación e traballando para favorecer a xeración de emprego e a baixada do paro".