O deseñador guipuscoano Ion Fiz será o padriño da segunda edición de PONMO

Pontevedra
19 de setembro 2014

O pontevedrés Javier Barrio será o encargado de pechar o certame, que se celebrará os días 26 e 27 de setembro. Se a climatoloxía o permite o desfile central celebrarase finalmente na Praza da Peregrina

Desfile 'PONMO na Rúa', celebrado na rúa Rosalía de Castro
Desfile 'PONMO na Rúa', celebrado na rúa Rosalía de Castro / Mónica Patxot

A pasarela Pontevedra Moda (PONMO) prepárase xa para a súa segunda edición, que se celebrará os días 26 e 27 de setembro, presentando o seu programa de actividades.

Entre as novidades reveladas pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, encóntrase a presenza en Pontevedra do deseñador guipuscoano Ion Fiz, que exercerá de padriño da pasarela, presentando a súa última colección para a primavera/verán de 2015 e actuando de presidente do xurado do certame de novos deseñadores PONMONOVO.

O certame oficial abrirase o venres 26 ás 21:00 horas precisamente cos novos valores nun desfile que terá lugar nas instalacións do Liceo Casino. Alí estarán presentes dez novos deseñadores, seleccionados entre as 80 propostas enviadas dende diversos puntos de España. Xunto a eles estará o pontevedrés Javier Barrios.

Pedro Covelo, Alejandra Lorenzo, Laura Bassadre, María González Cid, Gloria Ledo, Erase que se era, Sara Vigo, Tania López, Miguel Olarte e Carlos Pinilla competirán polo premio á mellor colección dotado con 900 euros, e ao mellor estilismo, con 200 euros de gratificación. Ademais os novos modelos optarán a converterse na imaxe da campaña da firma ALALÁ Alta Costura.

Pola súa banda o sábado celebrarase o desfile central, finalmente na Praza da Peregrina se a climatoloxía o permite (a alternativa é o Liceo Casino) a partir das 21:00 horas con firmas consagradas como as galegas María de Janza Atelier, LIVLOV e ALALÁ Alta Costura, acompañados de Urban Vicart, a deseñadora italiana Sonia Giordani e o padriño Ion Fiz, que será o encargado de pechar a segunda edición de PONMO.

Antes da pasarela, o xoves 25 ás 18:30 horas varios establecementos comerciais da cidade protagonizarán un desfile na rúa Rosalía de Castro organizado coa Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (Aempe).

Por outro lado PONMO contará durante a fin de semana con actividades paralelas como un 'showroom' no Edificio Olmedo, onde se poderán adquirir produtos das 20 firmas participantes, e unha exposición de vestidos de noiva, ademais de diversos talleres e conferencias, todo iso no mesmo espazo.