A reforma da antiga delegación da Xunta de Galicia, na rúa Benito Corbal, comezará esta mesma semana. Así o avanzou este luns o goberno galego, tras asinar a acta de replanteo para este proxecto cos responsables da empresa adxudicataria: a UTE Acciona-Ramírez.
Nesta remodelación investiranse catro millóns de euros. O prazo de execución é de trece meses, co cal o edificio estaría listo no primeiro trimestre de 2019
Os case 6.000 metros do edificio albergarán nas súas tres primeiras plantas as oficinas de emprego, que ata agora estaban alugadas noutros dous locais de Eduardo Pondal, concentrando así este servizo para os cidadáns e facilitándolles a atención.
Nas plantas terceira e cuarta, a Xunta poñerá a disposición de entidades e asociacións de interese social e sanitario un espazo para situar as súas oficinas e locais. E as catro plantas restantes serán para a Universidade de Vigo.
Entre as principais novidades, a remodelación integral do inmoble incluirá a substitución da fachada por un revestimento de aluminio. Tamén se cambia a carpintería metálica por outra con dobre acristalamento.
Outra das grandes novidades da reforma ten que ver coa accesibilidade xa que o inmoble manterá os tres accesos dende a rúa, que agora pasarán a ser totalmente accesibles.
A remodelación tamén incluirá distintas actuacións no eido da eficiencia enerxética, co obxectivo de reducir nun 70% o custo de mantemento en calefacción e iluminación do inmoble.