O encoro de Pontillón do Castro inicia o verán cun 92,2% de reserva de auga

Pontevedra
27 de xuño 2021

A captación de auga trasladouse o pasado 5 de xuño á estación de bombeo do río Lérez, en Monte Porreiro, tras a posta en marcha de catro novas  electrobombas de succión

Colocación de catro novas electrobombas na estación de bombeo de Monte Porreiro
Colocación de catro novas electrobombas na estación de bombeo de Monte Porreiro / Concello de Pontevedra

Desde o pasado 5 de xuño o encoro de Pontillón  do Castro, en Verducido, quedou pechado como reserva hidráulica para os meses de verán, trasladándose a captación á estación de bombeo de auga potable de Monte Porreiro, directamente sobre o río Lérez.

Segundo informa o Concello o encoro pontevedrés inicia os meses de verán cun 92,2% da súa capacidade, nun verán ademais que se prevé cálido e seco.

Pola súa banda o río Lérez entra na estación estival cun caudal importante en comparación con anos anteriores, debido ás choivas do mes de xuño. Tanto é así que o volume de auga é máis do dobre do rexistrado no últimos catro anos nas mesmas datas.

En canto á estación de bombeo, a captación redirixiuse a ela unha vez finalizados os traballos de colocación de catro novas electrobombas de succión, unha actuación levada a cabo pola empresa concesionaria Viaqua cun investimento que superou os 850.000 euros.

Dous das seis bombas da estación foron renovadas no seu momento por Acuaes, e agora acometeuse a substitución das catro restantes ao tratarse de equipos con case 40 anos de uso.