O goberno local arquiva a nova ordenanza de lombos do PP

Pontevedra
03 de xullo 2017

"O PP está a abanderar no rural unha campaña contra a extensión deste modelo de cidade", sostén Raimundo González convencido da "repercusión política" que ten a modificación da ordenanza

Raimundo González, concelleiro de Facenda no Concello de Pontevedra Mónica Patxot

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra acordou este luns arquivar a modificación da ordenanza de regulación dos lombos impulsada polo Partido Popular.

Lembremos que o 22 de febreiro de 2016 o PP logrou no pleno o apoio de todos os demais grupos da oposición para impoñer ao goberno local a modificación da ordenanza para regular o tamaño e dimensións dos futuros lombos que se instalen en Pontevedra, de modo que se adapten ás pautas que establece o Ministerio de Fomento.

O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, informou que este asunto xa foi informado negativamente o arquitecto, a Secretaría do Pleno e tamén por Intervención e este luns acordouse dispoñer o arquivo en base a que "estamos desconformes co carácter vinculante" desta iniciativa porque "ten repercusións económicas" en "obras innecesarias" e que a supresión destes mecanismos de acougado do tráfico "supoñen unha medida contra as persoas, contra a seguridade e contra o dereito á vida", di o acordo da Xunta de Goberno.

O informe da Secretaría estima que o acordo plenario de modificación da ordenanza adoptado no seu día "atópase afectado por nulidade plena" polo que nunca tivo efectos.

Raimundo González explicou que o goberno local interpreta que con esta iniciativa "e con outras mobilizacións que está a facer o Partido Popular" hai un "ataque directo" ao modelo de cidade "como xa os houbo no seu día" cando se tentaron implantar estas medidas de tráfico.

Sinala o portavoz do goberno local que na "macro manifestación" do sábado había non só concelleiros senón tamén os "líderes parroquiais do PP".

"O PP está a abanderar no rural unha campaña contra a extensión deste modelo de cidade", sostén Raimundo González convencido da "repercusión política" que ten a modificación da ordenanza.

Ademais engadiu que "o Partido Popular é un partido de orde que está a apoiar determinadas accións que son destrozar sinais de tráfico", ou mesmo, apuntou as situacións que se están dando nalgunhas parroquias nas que ás persoas que apoian a instalación de lombos "van os coches de noite a pitarlles expresamente e a molestar para impedirlles o merecido descanso".

"Non é comprensible desde ningún punto de vista", rematou.