O IES Illa de Tambo, conectado coa Antártida

Marín
06 de marzo 2018

Alumnos de 4º curso da ESO e de Bacharelato do centro marinense protagonizaron unha videoconferencia coa base "Gabriel de Castilla" da Antártida, que serve de apoio aos investigadores españois que  desarrolan proxectos científicos na zona austral

Videoconferencia dos alumnos do IES Illa de Tambo coa Antártida
Videoconferencia dos alumnos do IES Illa de Tambo coa Antártida /

Os alumnos do IES Illa de Tambo de Marín sentíronse este martes un pouco máis preto da Antártida.

A biblioteca do centro educativo acolleu unha videoconferencia coa base 'Gabriel de Castilla' situada na volcánica Illa Decepción, na Antártida, que serve de apoio aos científicos españois que desenvolven proxectos de investigación na zona austral.

A 'Gabriel de Castilla' é unha das dúas bases españolas na Antártida xunto á 'Juan Carlos I', situada na Illa de Livingston.

Na actividade, organizada polos departamentos de bioloxía e xeoloxía e de física e química participaron estudantes de Cultura Científica de 4º curso da ESO, Física e Química de 1º de Bacharelato e Química de 2º de Bacharelato.

Grazas á conferencia, realizada vía Skype e durante 45 minutos, os mozos marinenses puideron coñecer un pouco máis sobre os traballos científicos que se están a levar a cabo no Polo Sur.

Aproveitando a iniciativa, o Illa de Tambo quixo enviar ademais as súas sinceras condolencias ao persoal que forma parte do buque de investigación oceanográfica Hespérides, que presta apoio ás bases da Antártida, polo recente falecemento na zona do capitán de fragata Javier Montojo Salazar.