O marisqueo volve á ría cun ollo posto nos efectos das choivas

Pontevedra
16 de febreiro 2021

As mariscadoras volven este luns á praia despois de 12 días sen faenar para dar tempo aos bivalvos para recuperarse da caída de salinidade na ría como consecuencia das riadas

Mariscadoras na ría de Pontevedra Mónica Patxot

Desde o 3 de xaneiro as mariscadoras non faenan na ría de Pontevedra. A intención era volver á praia o día 9, pero as fortes choivas e os efectos das avenidas, grandes cantidades de auga doce procedente do Lérez, obrigaron a pospoñer unha semana o retorno ao comprobar os técnicos a debilidade da ameixa pola caída da salinidade. 

A pesar da incerteza por este parón, desde a confraría de Lourizán confían en que os bivalvos puidesen sobrevivir ás riadas. Os técnicos estiveron supervisando os bancos e recomendaron faenar estes días en zonas baixas nas que sempre hai auga a pesar da baixada da marea.

"Se non hai mortaldade non hai problema, pero se o bivalvo está débil, non pode enterrarse e si que lle afecta a pouca salinidade", explica a patroa maior desta confraría, Mari Carmen Vázquez.

O mal tempo non é a única circunstancia que afectou á actividade marisqueira. A situación epidemiolóxica da área sanitaria tamén lastrou a este sector. O contacto con positivos obrigou a paralizar a lonxa un día por falta de persoal e o brote en Campelo motivou a realización dun  cribado que, en Lourizán, pechouse sen un só positivo e cunha participación do 100%, destaca Vázquez.

Aínda así, no sector foxen das lamentacións e destacan que a pesar das limitacións o prezo da ameixa non se esborrallou e a situación sanitaria tampouco os obrigou a parar ao estar considerados traballadores esenciais.

"A campaña de Nadal foi boa e febreiro tamén semella que vai ser bo, pero nós ímolo vendo día a día", dixo a presidenta, recoñecendo que a perda de actividade de sectores como o hostaleiro ou a precaria situación dalgunhas familias pode facer caer o prezo do bivalvo se non hai demanda suficiente.