O Mercado acollerá unha charla formativa para a correcta elaboración de menús sen glute

Pontevedra
08 de setembro 2021

A actividade está programada para o vindeiro martes 14 de setembro ás 18:30 horas e está dirixida a profesionais da hostalería e a restauración para que poidan ofrecer un menú sen glute con tódalas garantías

Prato sen glute da Tapería Alium de Vigo que colabora coa Asociación de Celíacos de Galicia
Prato sen glute da Tapería Alium de Vigo que colabora coa Asociación de Celíacos de Galicia / Tapería Alium

O mercado de abastos de Pontevedra acollerá o martes día 14 de setembro ás 18:30 horas unha charla dirixida a profesionais da hostalería e a restauración coa que se pretende dar a coñecer os fundamentos para a correcta elaboración dun menú sen glute.

A actividade formativa está organizada pola Asociación de Celíacos de Galicia (Acega) en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Turismo e encádrase dentro do Proxecto Galicia Sen Glute, co que o colectivo busca que os establecementos do sector da hostalería e a restauración poidan ofrecer un menú sen glute con tódalas garantías.

Segundo explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, "entre os aspectos que se van tratar nesta charla, que impartirá no primeiro andar do Mercado Nuria Colmenero, do departamento de Restauración e Seguridade Alimentaria da Asociación de Celíacos de Galicia, abordarase a formación específica para persoal de cociña, a inspección de cociñas e o asesoramento de menús sen glute".

A actividade é de balde, previa inscrición. Aqueles profesionais que desexen participar deberán apuntarse no enderezo de correo electrónico [email protected], enviando os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, número de teléfono, nome do establecemento de hostalaría ou restauración e localidade onde se atopa o mesmo.

A información sobre este evento pode consultarse no web do mercado de abastos de Pontevedra: omercado.gal