O Mercado acollerá unha charla formativa para a correcta elaboración de menús sen glute

Pontevedra
08 de setembro 2021

A actividade está programada para o vindeiro martes 14 de setembro ás 18:30 horas e está dirixida a profesionais da hostalería e a restauración para que poidan ofrecer un menú sen glute con tódalas garantías

Prato sen glute da Tapería Alium de Vigo que colabora coa Asociación de Celíacos de Galicia Tapería Alium

O mercado de abastos de Pontevedra acollerá o martes día 14 de setembro ás 18:30 horas unha charla dirixida a profesionais da hostalería e a restauración coa que se pretende dar a coñecer os fundamentos para a correcta elaboración dun menú sen glute.

A actividade formativa está organizada pola Asociación de Celíacos de Galicia (Acega) en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Turismo e encádrase dentro do Proxecto Galicia Sen Glute, co que o colectivo busca que os establecementos do sector da hostalería e a restauración poidan ofrecer un menú sen glute con tódalas garantías.

Segundo explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, "entre os aspectos que se van tratar nesta charla, que impartirá no primeiro andar do Mercado Nuria Colmenero, do departamento de Restauración e Seguridade Alimentaria da Asociación de Celíacos de Galicia, abordarase a formación específica para persoal de cociña, a inspección de cociñas e o asesoramento de menús sen glute".

A actividade é de balde, previa inscrición. Aqueles profesionais que desexen participar deberán apuntarse no enderezo de correo electrónico actividadesomercado@gmail.com, enviando os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, número de teléfono, nome do establecemento de hostalaría ou restauración e localidade onde se atopa o mesmo.

A información sobre este evento pode consultarse no web do mercado de abastos de Pontevedra: omercado.gal