O Museo Massó incorporará todas as naves da antiga conserveira

Bueu
15 de xaneiro 2022

Será unha actuación que, segundo destacou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, supoñerá un "punto de inflexión" na historia deste museo mariñeiro, ao dotalo dunha maior funcionalidade e dos espazos suficientes para "poñer en valor" os seus fondos

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, no Museo Massó
Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, no Museo Massó /

Ata 1,1 millóns de euros ten previsto investir a Xunta de Galicia nun proxecto destinado a incorporar todas as naves do antigo complexo conserveiro dos irmáns  Massó no funcionamento do museo que leva o seu nome.

Será unha actuación que, segundo destacou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, supoñerá un "punto de inflexión" na historia deste museo mariñeiro, ao dotalo dunha maior funcionalidade e dos espazos suficientes para "poñer en valor" os seus fondos.

Os traballos centraranse en ampliar o acondicionamento da coñecida como Sala Lugrís, para integrala na exposición permanente do museo.

Esta iniciativa permitirá mostrar aos público fondos que actualmente permanecen gardados como a serie de seis pinturas de gran formato realizadas nos anos 40 para o comedor das traballadoras da conserveira e que ocupan preto de 300 metros lineais. 

Ademais, a rehabilitación prevista inclúe tamén a mellora dos pavimentos e estruturas verticais, a consolidación de muros estruturais e forxados de pisos e actuarase tamén sobre acabados, instalacións, sistemas de illamento e acondicionamento ambiental.

Outra das áreas sobre as que se vai a actuar é o tramo sur da nave da antiga conserveira, integrado na exposición permanente desde 2011 para mostrar as embarcacións e a actividade portuaria.

Nela, farase unha rehabilitación integral, respectando os seus valores culturais e garantindo a sustentabilidade, eficiencia e funcionalidade, segundo explicou o conselleiro, que avanzou que a tramitación desta rehabilitación comezará nunhas semanas

O proxecto complétase coa rehabilitación da antiga nave de atadores, que se destinará a almacén para as coleccións do museo, e a recuperación da antiga nave da conserveira como espazo único, coa demolición dos tabiques interiores.

A maiores, a Xunta prevé a mellora da accesibilidade ás diferentes zonas visitables.