O novo parque infantil de Campolongo estará rematado nun mes

Pontevedra
21 de decembro 2018

O terceiro gran parque infantil da cidade, xunto co de Barcelos e o da Alameda. Así será, segundo destacou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o novo parque de  Campolongo, que ocupará uns 1.000 metros cadrados e que estará terminado, se as condicións climatolóxicas o permiten, no prazo dun mes

Obras de instalación do parque infantil de Campolongo
Obras de instalación do parque infantil de Campolongo / Mónica Patxot

O terceiro gran parque infantil da cidade, xunto co de Barcelos e o da Alameda. Así será, segundo destacou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o novo parque de Campolongo, que ocupará uns 1.000 metros cadrados e que estará terminado, se as condicións climatolóxicas o permiten, no prazo dun mes.

Fernández Lores, acompañado dos edís Alberto Oubiña e Demetrio Gómez, revisou este venres o estado dos traballos, que executa a empresa HPC Ibérica por 272.515 euros.

O parque vai tomando forma e xa está instalada a gran torre de sete metros con tobogáns, de estética similar a un parque acuático, que presidirá o espazo reservado para os nenos de maior idade, que contará tamén cunha tirolesa, zonas para rubir e randeeiras.

Para os nenos menores de seis anos haberá outra área diferenciada equipada con randeeiras básicas de berce e inclusivos, xogos combinados, un carrusel no que collerán cadeiras de rodas, un trampolín, un xogo de peirao con dous postos, dous teléfonos que permiten aos nenos situarse a unha distancia de ata 25 metros ou un carreiro de texturas.

Entre ambas as zonas habilitarase unha área de estancia para os pais ou coidadores dos nenos, na que haberá bancos, mesas e unha fonte adaptada. Ademais, haberá unha mesa para poder xogar ao tenis de mesa e outras dúas con xogos fixos de parchís e xadrez.

En todo o parque, destacou o alcalde, tívose en conta aos nenos que teñen diversidade funcional ou mobilidade reducida e haberá xogos adaptados e randeeiras con arneses.

O parque de Campolongo, segundo Lores, permite engadir "calidade urbana" a un barrio ao que sumou o "ensanche" de María Victoria Moreno e a Avenida de Vigo que necesitaban, dixo, "un espazo para nenos".