O núcleo de centralidade parroquial dos Campos, na parroquia de Mourente, empeza a tomar forma con tres obras que se están a acometer ao mesmo tempo e que, segundo indicaron desde o Concello de Pontevedra, poderán estar rematadas cara finais de ano ou primeiros de 2021.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e os concelleiros de obras e do rural, Demetrio Gómez e Alberto Oubiña, visitaron este xoves a contorna para comprobar o avance das obras e como vai cambiando xa esta zona.
Os tres proxectos que se están a realizar de forma simultánea na contorna están valorados en 2.287.000 euros. Trátase de habilitar unha vía que conectará a zona de Tafisa con Monte Porreiro, facilitando a conexión peonil e os tráficos rodados, a reforma integral do Local social dos Campos e as novas instalacións que se están a habilitar con cargo aos fondos europeos Leader Pontevedra-Morrazo.
Lores destacou que se trata dun investimento "potente" que os veciños de Mourente "merecen" e explicou que o seu resultado será crear unha zona de alta calidade urbana.
O Local Social está sendo rehabilitado pola empresa Praza por 471.248 euros. A obra ten un prazo de execución de 5 meses.
As instalacións dos fondos Leader execútaa a empresa Acevi por 373.964,64, e ten un prazo de execución de 5 meses.
O acceso de Monte Porreiro está a executalo a empresa Ramírez e ten un orzamento de 1.441.906,26 euros (439.393,50 euros corresponden a expropiacións e 1.002.512,76 a obra civil) e un prazo de execución da obra é de 9 meses.
Trátase dunha vía de 605 metros, de dous carrís de 2,5 metros de ancho cada un, e unha beirarrúa ao carón das vivendas cun mínimo de 1,5 metros. Incluirá calmado de tráfico para darlle carácter de vía urbana con preferencia da mobilidade peonil propios do modelo Pontevedra.