O obradoiro de emprego doa 18 quilos de caballa ao comedor social de Marín

Marín
24 de abril 2024

É a primeira das doazóns que se realicen a esta entidade sen ánimo de lucro, procedentes das prácticas de fileteado de peixe que realiza o alumnado desta modalidade

Doazón de caballa ao comedor social de Marín
Doazón de caballa ao comedor social de Marín /

A especialidade de pesca e acuicultura do Obradoiro de Emprego Concello de Marín I realizou a súa primeira doazón ao comedor social de Marín, coa entrega de 18 quilos de caballa para o seu emprego culinario nos servizos de comedor que ofrecen. 

Na entrega estiveron a concelleira de Promoción Económica, Beatriz Rodríguez, e o director do obradoiro de emprego, Óscar Rey.

Ambos matizaron que esta será a primeira das doazóns que se realizará por parte do estudantado do obradoiro. 

A concelleira recalcou a importancia que ten impulsar programas coma este, "que conseguen ter varias implicacións na sociedade".

Así, destacou que por unha banda contribúe á formación e inclusión laboral da cidadanía e, por outra, ten unha vertente solidaria "que reforza a Marín como un pobo implicado e no que sempre aproveitaremos os nosos recursos”.