O Parque de calistenia da Illa incorpora códigos QR coas instrucións

O Salnés
19 de xaneiro 2023

A área situada xunta ao Edificio de Usos Náuticos conta con 10 elementos ao aire libre

Os concelleiros Luis Arosa e Alfonso Salgado co alcalde, Carlos Iglesias no parque de calistenia
Os concelleiros Luis Arosa e Alfonso Salgado co alcalde, Carlos Iglesias no parque de calistenia / Concello de A Illa de Arousa

A escasos metros do Edificio de Usos Náuticos e ao aire libre está o parque de calistenia co que o Concello da Illa de Arousa complementa a oferta deportiva do ximnasio municipal, a pleno rendemento desde o inicio deste mes de xaneiro.

O alcalde, Carlos Iglesias; o concelleiro de Obras, Alfonso Salgado e o edil de Servizos, Luís Arosa, supervisaron o remate dun proxecto no que estaba pendente a colocación dun chan de caucho idóneo para esta práctica deportiva moi estendida na Illa. 

"Facer exercicio na rúa está a converterse nunha alternativa económica, divertida e saudable", apunta Luís Arosa, que asegura que A Illa non é allea a esta tendencia entre a poboación máis nova.

Este parque conta con 10 elementos de traballo deportivo, dotados cun código QR que indica aos usuarios menos familiarizados con esta disciplina como utilizar os aparellos e que tipo de exercicio recoméndase realizar en cada un deles. 

Todos estes exercicios son realizados co propio peso corporal, utilizando as barras paralelas, dominadas, barras con argolas, espaleira ou bancos abdominais.

As persoas afeccionadas a esta disciplina buscan mellorar a axilidade, a forza física, a flexibilidade, a resistencia, o equilibrio e a coordinación. Por iso, Luís Arosa recomenda esta práctica tamén a persoas maiores que precisen exercicios de baixo impacto.

"O noso compromiso coa promoción de hábitos saudables é absoluto. O parque de calistenia é un complemento máis nun proxecto global que pon ao dispor de toda a poboación da Illa recursos gratuítos, como as sendas, para fomentar tanto a práctica deportiva como o sendeirismo e que, ademais, facilitan a socialización".

O equipamento desta área tivo un custo de 24.000 euros, financiados ao 50 % entre o Concello e os fondos do Grupo de Desenvolvemento Rural.