O parque de xogos das Palmeiras permanecerá pechado dúas semanas por obras

Pontevedra
29 de xullo 2022

O servizo municipal de parques e xardíns iniciou esta semana os traballos no parque de xogos para nenos de maior idade nas Palmeiras que segundo informa o concelleiro Iván Puentes, comezou coa retirada do pavimento deteriorado

Obras no parque de xogos das Palmeiras
Obras no parque de xogos das Palmeiras / Mónica Patxot

O servizo municipal de parques e xardíns iniciou esta semana os traballos no parque de xogos para nenos de maior idade nas Palmeiras que segundo informa o concelleiro Iván Puentes, comezou coa retirada do pavimento deteriorado.

A obra contempla a reparación da totalidade dos elementos de xogo existentes coa substitución de todos aqueles con avanzado estado de desgaste.

Iván Puentes pon énfase na atención que dende o servizo de parques se ven desenvolvendo para lograr a mellor calidade e condicións de seguridade en todas as instalacións de xogo da cidade.

A actuación contempla o pintado e mellora estética dos elementos; eliminación de pintadas, lixado e tratamento os elementos metálicos que forman os xogos ou substitución de columpio cesta e redes de xogo.

Outro aspecto que destaca o concelleiro é a creación de ramplas de acceso á zona de xogo que eliminen o problema de accesibilidade que crea a pequena elevación da superficie do xogo sobre a cota das sendas do parque.

Por último, contémplase a renovación e nivelación completa do pavimento amortecedor conforme á normativa UNE, mediante creación de pavimento de capa de caucho de SBR e posterior colocación de novo céspede artificial.

Unha vez sexa rematada a obra que conta cun orzamento total de 48.195 euros, o parque someterase ao pertinente proceso de certificación ENAC, norma UNE como se está a facer de xeito progresivo coa totalidade de parques de xogo da cidade que se renovan integramente, co obxecto de manter as mellores garantías de seguridade.