O Partido Popular reclama unha solución para as cubertas de 12 de Novembro

Pontevedra
23 de agosto 2017

O grupo municipal popular alerta de que 18 meses despois da cesión oficial do viario, os espazos continúan abandonados e invadidos pola maleza

Cuberta da rúa 12 de Novembro Partido Popular

O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra denuncia a parálise da concellería de Mobilidade, da que agora é responsable Demetrio Gómez, e como exemplo utilizan a situación de abandono na que se atopan as cubertas da rúa 12 de Novembro na Seca. 

Sinalan que despois de abandonar o proxecto para crear un skatepark nesa zona e anunciar que se instalaría na entrada do campus de Pontevedra, as tres superficies cedidas por ADIF nun convenio asinado co goberno local o 17 de marzo de 2016 atópanse paralizadas.

O concelleiro popular César Abal indica que, durante anos, o BNG estivo a anunciar aos veciños de Médico Ballina, A Seca e 12 de Novembro que tiñan proxectos preparados para acometer en canto ADIF cedese estes espazos. Os populares observan que 18 meses despois non hai ningunha proposta para estas zonas.

"Era moi difícil superar a Luís Bará en inoperacia, pero o concelleiro nacionalista Demetrio Gómez está empeñado en facelo", afirma César Abal, que esixe urxentemente proxectos para as cubertas do falso túnel da Seca e 12 de Novembro.