A Deputación de Pontevedra segue acumulando esforzos na loita contra a pandemia do Covid-19 coa incorporación do persoal do servizo contra incendios e salvamento ás tarefas de desinfección dos concellos de máis de 5.000 habitantes da provincia.
A través do Consorcio Provincial, servizo adscrito á Deputación, constituíron unha nova unidade de desinfección formada por persoal e vehículos dos parques que se despregarán esta semana polos exteriores dos Puntos de Atención Continuada (PAC) e centros de saúde dun total de 17 municipios.
O programa púxose en marcha este luns coa desinfección dos centros de Bueu, Caldas, Cambados, Cerdedo- Cptpbade, O Grove, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Sanxenxo, Vilaboa, Vilagarcía ou Vilanova de Arousa. Ademais desta actuación, os operarios da Deputación ocúpanse de desinfectar periodicamente as instalacións do Centro Príncipe Felipe, os accesos ao Pazo Provincial e o Edificio Administrativo.
Pola súa banda, o persoal da Estación Fitopatolóxica do Areeiro elaborou unha guia con recomendacións aos concellos para combater a pandemia desde o ámbito da limpeza e desinfección. O documento desaconsella os varridos en seco, o soprado e dá o seu visto e prace ao uso de amoníaco e deterxentes para os baldeos así como o uso de lixivia liluida para realizar este tipo de intervencións.