Os grupos do goberno de Pontevedra, PSOE e BNG, presentaron por rexistro este venres unha moción conxunta que se debaterá e, previsiblemente, vai aprobarse en pleno para esixir á Xunta de Galicia un cambio de posición en relación á supresión de Primaria no centro educativo de Verducido.
Demandan que continúe activa a unidade de Primaria, tal e como este centro escolar leva mantendo desde a década dos sesenta. Na moción indican que o goberno de Alberto Núñez Feijóo está a acosar e desmantelando de maneira encuberta a escola desta parroquia.
Ante esta situación instan á administración autonómica a que reconsidere a súa postura mantendo a unidade de Primaria e que estableza dúas aulas de Infantil. Lembran que o colexio debería contar con esas dúas unidades de Infantil se non se pechara "forzadamente" unha unidade no curso 2018-19.
Afirman que a actitude da Xunta é incomprensible cando a matrícula neste centro continúa crecendo, con 9 matrículas máis en Infantil este ano e familias interesadas en matricular aos seus fillos en Primaria.
"O centro tiña 17 alumnos en Infantil nese momento, coas matrículas á alza, o que é un dato a destacar nunha escola rural", sinala o concelleiro de Educación Tino Fernández ao asegurar que o centro educativo non contara cun nivel tan alto de matrículas nas últimas dúas décadas.
O concelleiro de Educación, lamenta que o presidente autonómico realice alegacións para fixar poboación no rural e que, ao mesmo tempo, se dedique a "desmantelar un dos elementos máis importantes de cohesión comunitaria nas contornas rurais, como é a escola pública". Considera que a postura de Núñez Feijóo é "hipócrita".