O PP acusa o Goberno local de Caldas de mentir sobre as axudas á hostalería

Umia
28 de setembro 2021

Os 'populares' lembran que o Goberno local anunciou 100.000 euros ao sector, 72.000 a cargo do Concello e 28.000 a cargo da Deputación. Case un ano e medio máis tarde do inicio da pandemia, segundo denuncian, a institución provincial aínda non concedeu nin un euro de axudas e o Concello só 70.000 

Rúa Real de Caldas de Reis
Rúa Real de Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

O PP de Caldas de Reis denuncia "mentiras reiteradas" por parte do equipo de goberno municipal e, en concreto, en relación co sector da hostalería. O seu voceiro, Fernando Pérez, pregúntase "como se pode mentir así e non poñerse colorados".

Os 'populares' remóntanse ao 23 de febreiro de 2021, cando o Goberno local anunciou 100.000 euros en axudas ao sector, 72.000 a cargo do Concello e 28.000 a cargo da Deputación de Pontevedra. Case un ano e medio máis tarde do inicio da pandemia, segundo denuncian, a institución provincial aínda non concedeu nin un euro de axudas e o Concello só 70.000 é dicir, 30.000 euros menos da cifra comprometida.

Fronte a esta situación, sacan peito do papel da Xunta de Galicia, que leva repartidos 344.110 euros hai máis de 6 meses a 114 beneficiarios. 

Segundo indican, en maio de 2020 o PP presentou por escrito as medidas que consideraban que se debían adoptar, entre outras, axudas directas aos empresarios e cero impostos mentras estaban pechados, pero nin o PSOE nin o BNG, que daquela eran socios, o recolleron nos orzamentos. 

Despois disto, no outono, a Deputación e moitos concellos gobernados co PSOE como Caldas negáronse a sumarse ao plan de rescate da hostalería da Xunta de Galicia polo que o Goberno galego resolvería conxuntamente a subvención do concello e a propia. Caldas non se sumou, pero si Cuntis, onde os hostaleiros xa cobraron dúas axudas hai máis de seis meses.

Xa en primavera, os hostaleiros caldenses fixeron unha manifestación pedindo axudas e o equipo de goberno prometeu a concesión inmediata de 100.000 euros en axudas, pero en setembro aínda están se repartir, e, ademais, agora son menos cantidade

"Estamos ante un desgoberno moi pouco serio e moi pouco consciente das dificultades de algúns colectivos. O único que lles interesa é facer política barata e non os problemas dos seus conveciños", critica Fernando Pérez.