O grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra informou que o concelleiro responsable de Réxime Interior, Vicente García Legísima, acaba de comunicar a Jacobo Moreira unha resolución na que recoñece que o voceiro do Partido Popular ten dereito a acceder aos informes da Asesoría Xurídica municipal e obter copia de todos eles se así o desexa. Esta cuestión, que os populares consideran "tan obvia", supón "unha evidencia máis da obsesión do equipo de Miguel Anxo Fernández Lores por obstaculizar calquera canle de acceso á información municipal, non só por parte da oposición do PP senón por calquera cidadán con ou sen intereses específicos".
Moreira solicitou efectivamente copia de informes xurídicos ligados ás sentenzas debatidas nas sesións da xunta de goberno local, en dúas ocasións desde o pasado febreiro, e a resposta do concelleiro do BNG "limitouse a recoñecerlle o seu dereito, pero sen facilitarlle os documentos demandados".
A manobra, que propiciará o venres a presentación dunha queixa formal por parte do voceiro do Partido Popular, "súmase a moitas outras dilacións, desculpas ou longos silenzos cos que Lores e o seu equipo responden asiduamente a solicitudes similares do mesmo concelleiro ou dalgún dous seus compañeiros de grupo desde o inicio do presente mandato".
Jacobo Moreira confiaba en que as denuncias públicas sobre a "opacidade coa que traballa o grupo municipal de goberno feitas en meses anteriores tiveran algún efecto positivo, pero obviamente o alcalde segue obsesionado con manter completamente oculta a tremoia do Concello, sen importarlle que cada vez amose máis claramente o porqué do último posto en transparencia que ocupa Pontevedra entre os consistorios urbanos galegos, segundo o índice calculado pola organización non gobernamental Transparency Internacional (TI), unha entidade dedicada a combater a corrupción nas administracións públicas".
Segundo o PP local "as probas aireadas polo Partido Popular en xaneiro sobre múltiples incumprimentos da normativa vixente por parte do Concello en relación ás obrigas de difusión dos procesos de contratación pública e dos perfís dos adxudicatarios, seguen estando presentes na web municipal".
Outro exemplo "rechamante" é o do orzamento municipal, novamente prorrogado "para manter a cada día más evidente mentira de que o Concello ten unha boa saúde financeira", remata o comunicado de prensa.