O PP pide a adaptación da Ponte do Burgo ás persoas con dificultades visuais

Pontevedra
23 de outubro 2020

Martín Martínez, concelleiro do Partido Popular de Pontevedra, solicita a incorporación a esta infraestrutura dun pavimento homologado con referencias no chan para que as persoas que presentan dificultades na visión poidan manter a orientación e aliñarse no camiño

Proba de iluminación da ponte do Burgo
Proba de iluminación da ponte do Burgo / Concello de Pontevedra

Martín Martínez, concelleiro do Partido Popular de Pontevedra, solicitou este venres ao Concello de Pontevedra a incorporación á Ponte do Burgo de referencias para que as persoas con dificultades visuais poidan camiñar sen risco por esta plataforma. 

Indica que esta infraestrutura recentemente reformada carece dun pavimento homologado de maneira que as persoas con visibilidade reducida atópanse con complicacións para transitar por este espazo e descoñecen cando finaliza a ponte e comeza a estrada, co perigo que esta situación conleva para a integridade física.

Reclama un pavimento con sinais no chan que permitan manter a orientación, localizar puntos de cruzamento seguros e aliñarse  correctamento ao longo desta zona peonil. Esta petición é compartida, segundo os populares, pola directiva da ONCE en Pontevedra tal e como llo transmitiu na última reunión que mantiveron con representantes do PP local.

"Ao presentarse un pavimento sen o relevo suficiente para que poida detectarse tactilmente a través dun bastón de mobilidade estamos a poñer aínda máis trabas", sinala Martínez. En este mesmo sentido, lamenta que o municipio apenas conte con semáforos adaptados a persoas con problemas visuais e reclama ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores que atenda estas peticións que afectan a colectivos sensibles.