O PP votará en contra dos orzamentos de Poio porque teñen 'ADN Tripartito'

Poio
19 de decembro 2022

O portavoz do PP, Ángel Moldes resumiu que "son uns presupostos que seguen a ser feitos co 'ADN Tripartito': chegan tarde, non son participativos nin transparentes, están incompletos" e tamén critica que "tan so un 2,43% do mesmo", uns 327.545 euros, vai destinado a investimentos e dos cales "máis da metade dos investimentos do ano 2023 van para pagar facturas do pasado ano", indicou  

Ángel Moldes, portavoz do grupo municipal do PP en Poio
Ángel Moldes, portavoz do grupo municipal do PP en Poio / PP de Poio

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Poio vén de anunciar o seu voto en contra dos últimos orzamentos deste mandato propostos polo Goberno local para a súa aprobación no vindeiro pleno.

O portavoz do PP, Ángel Moldes resumiu que "son uns presupostos que seguen a ser feitos co 'ADN Tripartito': chegan tarde, non son participativos nin transparentes, están incompletos" e tamén critica que "tan so un 2,43% do mesmo", uns 327.545 euros, vai destinado a investimentos e dos cales "máis da metade dos investimentos do ano 2023 van para pagar facturas do pasado ano", indicou.

Moldes tamén critica que o Concello de Poio "pecha o ano 2022 e abre o ano 2023 coa maior débeda da provincia, sendo o cuarto de Galicia" cunha cantidade que ascende a 7.961.063 euros a día de hoxe e advirte que "estamos seguros que a previsión do Tripartito é volver a pedir outro préstamo este ano como xa nos teñen acostumados pero que de momento non o dí por ser 2023 ano electoral", resume o voceiro popular.

Segundo Ángel Moldes, a día de hoxe en Poio existe unha débeda de 468 euros por habitante fronte a un investimento por habitante de tan só 19 euros. 

O PP tamén afirma que "é un presuposto no que pouco se pode explicar ou emendar porque non deixa marxe de maniobra entre pago de sueldos, bens e servizos e débeda aos bancos xa se esgota".

Por último, o grupo municipal do PP censura que o Goberno local nestes orzamentos "non baixa nin un só imposto e pese a conxelar os impostos, temos os impostos máis altos da provincia e nalgún caso como na basura o recibo máis caro de Galicia".