O primeiro día da feira ambulante tras o estado de alarma desenvolveuse "con total tranquilidade"

Pontevedra
16 de maio 2020

Despois do estado de alarma, que mantivo as feiras paralizadas, este sábado foi un día diferente para a feira ambulante de Rafael Areses, que volveu á súa actividade. Colocáronse 46 dos 56 postos que podían facelo, o que supón unha ocupación practicamente total 

Feira ambulante de Rafael Areses Concello de Pontevedra

Despois do estado de alarma, que mantivo as feiras paralizadas, este sábado foi un día diferente para a feira ambulante de Rafael Areses, que volveu á súa actividade "con total tranquilidade", asegurou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, que, xunto co tenente de alcalde, Tino Fernández, achegouse para supervisar como se desenvolveu a xornada.

Trátase dunha das poucas feiras de Galicia que abriu na súa totalidade, aínda que con aforo limitado e "total vixilancia". Colocáronse 46 dos 56 postos que podían facelo, o que supón unha ocupación practicamente total tendo en conta que o habitual adoita estar nos 43 postos.

Por iso, a edil do PSOE, quixo mostrar a súa satisfacción con esta volta á normalidade que transcorreu sen incidencias. "A xente está cumplindo as normas estritamente, tanto vos usuarios coma vos ambulantes", explicou.

Así mesmo, quixo destacar a importancia que ten o mercadillo para o tecido produtivo da cidade, xa que máis da metade dos ambulantes son pontevedreses e pontevedresas. "O mercadillo dimaniza toda a economía, hostalería e comercio dá cidade, co cal é importantísimo que a feira volva ao centro".

En canto ao traslado dos postos, a edil declarou que "en canto podamos, será levalos de entrada provisionalmente a Campolongo", ao tratarse dunha zona coñecida polos usuarios xa que se estableceu alí durante a celebración do ITU do ano anterior.

Por último, e ademais de conversar con feirantes e de controlar o cumprimento das medidas, os concelleiros pontevedreses recibiron a visita do concelleiro de Mercados de Redondela, Vicente Lamas, que estaba interesado en coñecer de primeira man os protocolos aplicados polo Concello de Pontevedra.