O PSOE respalda a Carmela Silva para que continúe como presidenta da Deputación

Pontevedra
04 de xuño 2019

A Comisión Executiva Provincial mantivo un encontro este martes para analizar os resultados das eleccións municipais e establecer as liñas programáticas de cara á constitución dos concellos e da Deputación Provincial

Comisión Executiva Provincial do PSOE
Comisión Executiva Provincial do PSOE / Nacho Fuentes

A dirección do PSOE pontevedrés elixiu por unanimidade a Carmela Silva como candidata para continuar presidindo a Deputación de Pontevedra. Así o confirmaba o secretario xeral David Regades este martes despois do encontro da Comisión Executiva Provincial. A decisión deberá ser ratificada polo Comité Provincial que se reunirá o vindeiro 17 de xuño, unha cita na que tamén se decidirán as persoas que se converterán en deputados provinciais.

Na reunión deste martes analizaban os resultados socialistas nas eleccións municipais e Regades afirmaba que o PSOE quedou a un só asento de obter a maioría absoluta na Deputación, despois de sumar tres novos deputados, dous polo partido xudicial de Vigo e un polo de Pontevedra.

Regades apuntou que o partido ten como obxectivo facilitar todos os gobernos de progreso posibles nos  concellos da provincia. Sinalou que en 23  concellos se atopan en disposición de liderar gobernos e noutros nove poden ostentar responsabilidades durante os vindeiros catro anos. 

Segundo os datos que manexan desde o PSOE, 719.849 veciños da provincia contarán con gobernos de progreso coa participación do PSdeG- PSOe, un 76,43% dos preto de 950.000 habitantes que ten Pontevedra, fronte aos 221.923 habitantes que contarán cun goberno do Partido Popular.

O secretario xeral destacaba os grandes resultados obtidos, entre outros  Concellos, en Cuntis ou en Ponte Caldelas, onde obtiveron catro e cinco concellerías máis respectivamente.

A executiva provincial, sinalou  Regades, ten previsto apoiar aos grupos municipais e ás executivas locais para a constitución dos gobernos nos distintos municipios, de fronte ao próximo 15 de xuño cando deberán constituírse. David Regades indicou que desde a executiva socialista defenderán a autonomía local nestes procesos de negociación.