Os veciños de Samieira contrarios á construción dunha estación depuradora entre as praias poienses do Caeiro e Laíño volveron a acender as alertas dous meses logo de recibir o compromiso de Augas de Galicia de buscar unha localización alternativa para o proxecto.
O silencio da admisnistración preocupa á asociación que se opón á depuradora, que ademais de entregar 2.349 firmas en contra da instalación nese lugar, solicitou unha reunión co grupo de goberno do Concello de Poio para coñecer como van proceder neste asunto, previo paso a pedir tamén un encontro con Augas de Galicia.
Beatriz Otero, secretaria da plataforma, segue insistindo nos argumentos que fixeron á administración, aparentemente, dar marcha atrás, "queremos que se arranxe o saneamento, pero non queremos que destrúa unha zona para poñer un servizo público porque alí lles sae máis barato", unha opinión que amplía José Carlos González, tamén membro da asociación, "aquelo é un paraíso e poñer a merda nun paraíso... é unha das poucas zonas virxes que quedan aquí".