O 'skatepark' estará no campus

Pontevedra
20 de maio 2017

O 'skatepark' de Pontevedra parece que, por fin, xa ten un destino definitivo. O Concello vén de pechar coa Universidade de Vigo un acordo para instalar este equipamento no campus da Xunqueira, segundo confirmaron desde o goberno municipal

Campus universitario
Campus universitario / Mónica Patxot

O 'skatepark' de Pontevedra parece que, por fin, xa ten un destino definitivo. O Concello vén de pechar coa Universidade de Vigo un acordo para instalar este equipamento no campus da Xunqueira, segundo confirmaron desde o goberno municipal.

A estrutura estaría situada na parcela de entrada ao recinto universitario, dende a rúa Celso Emilio Ferreiro á man esquerda.

Á espera de pechar o proxecto técnico, o Concello aplaude este acordo xa que considera o campus da Xunqueira o lugar máis acaído para situar unha instalación destas características. 

Desde as concellarías de Xuventude e Obras, que promoven esta actuación conxuntamente, destacan a conexión da cidade cos centros educativos e universitarios. Ademais, sinalan que esta instalación reforzará o ámbito da Xunqueira como espazo de lecer, esparexemento e deporte escollido polos pontevedreses para gozar das súas horas libres.

O Concello agarda que acordo coa universidade sexa o pulo definitivo deste ansiado proxecto por parte dos colectivos de skaters da cidade.

Con esta situación, o proxecto parece desbloquearse tras anos dando voltas polos despachos municipais.

Inicialmente pensárase en instalalo nos baixos da ponte da autoestrada, en Mollabao, pero a negativa do Ministerio de Fomento, propietario dos terreos, frustrou o proxecto. Tampouco saíu adiante a idea de situalo no ámbito da Xunqueira de Alba, con igual resultado por parte de Costas.

Neste mesmo mandato, o Concello chegara a anunciar unha ambiciosa actuación na pasarela de Doce de novembro, pero aseguran que problemas de carácter técnico, pola incompatibilidade da instalación coa cuberta do tren, fixeron tamén desbotar esta opción.