O tramo entre a Igrexa de Perdecanai e a Nacional será acondicionado

Barro
15 de outubro 2017

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Barro asinarán nos próximos días convenio de colaboración para executar o proxecto de pavimentación e dotación de servizos na EP-0505 e N-550-Igrexa de Perdecanai. Superado este trámite procederase a licitar os traballos

Uxío Benítez, deputado de Mobilidade
Uxío Benítez, deputado de Mobilidade / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Barro asinarán nos próximos días convenio de colaboración para executar o proxecto de pavimentación e dotación de servizos na EP-0505 e N-550-Igrexa de Perdecanai. Superado este trámite procederase a licitar os traballos.

Así o adiantou o deputado de mobilidade, Uxío Benítez, que lembrou a "historia negra" deste viario obxecto de moitas fases de obra e a día de hoxe aínda está sen finalizar.

Para solucionar o seu mal estado, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, propuxo un convenio mediante o que se pavimentará a totalidade desta vía, na que se instalarán catro "lombos" e construirase unha área peonil e executarase unha nova canalización de saneamento cun colector de 315 milímetros para servizo de pluviais.

Ademais corrixirase a rasante nun pequeno tramo para axustar as entradas das vivendas.

O orzamento da actuación alcanza a cantidade de 327.565,38 euros, que segundo se recolle no convenio para aprobar esta mañá, financiarase ao 70% por parte da Deputación de Pontevedra, mentres que o Concello correrá co 30% restante. Así mesmo, o Concello deberá conseguir as cesións necesarias para executar a obra.