Obras no cruce do Marco revolucionan o tráfico na zona durante dúas semanas

Pontevedra
16 de abril 2025

Os traballos comezarán o luns 21 de abril a partir das 10:00 horas. A empresa Unión Fenosa Distribución informa que a previsión que manexa é que as obras rematen sobre o 7 de maio

Plan de tráfico con motivo das obras no cruce do Marco
Plan de tráfico con motivo das obras no cruce do Marco / Concello de Pontevedra

A partir do vindeiro luns, 21 de abril, e durante máis de dúas semanas, o tráfico verase alterado na contorna do cruce do Marco.

Tal e como informa o Concello de Pontevedra, o día 21 a partir das 10:00 horas comezarán obras na zona que poden afectar á mobilidade de entrada á cidade.

A empresa responsable das obras, Unión Fenosa Distribución, informa que a previsión que manexa é que as obras rematen ao redor do 7 de maio.

Durante o tempo que duren os traballos, o Concello aconsella adoptar medidas para evitar circular pola zona afectada. 

Para os vehículos procedentes do Sur pola estrada PO-10 desde Marín e para os que circulan pola N-550, a coñecida como estrada de Vigo, aconsellase o acceso pola rúa Josefina Arruti.

Para os vehículos que circulan pola PO-542 procedentes de Bora – Marcón, isto é, a zona Leste da cidade, o consello pasa por acceder a través da Ronda Leste cara o centro cidade.

Os vehículos que circulen pola EP-0002 procedentes de A Canicouva e Tomeza deben incorporarse polos desvíos habilitados cara á estrada N-550 e acceder cara o centro a través do Nó do Pino.