OCO, unha mirada íntima á ausencia da man de estudantes do Campus

Pontevedra
12 de abril 2025

A curtametraxe rodarase do 6 ao 8 de maio na Mariña Lucense cun equipo conformado por alumnos de 4º de Comunicación Audiovisual

Rodaxe de Oco Gabriela García

Un grupo de estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual no Campus de Pontevedra están a facer realidade o seu proxecto de Fin de Grao coa curtametraxe OCO (oco_curtametraxe). 

O equipo, composto por alumnos e alumnas de 4º curso, encara a recta final dos seus estudos cunha obra que explora a ausencia e a pegada que deixan as persoas que xa non están.

O proxecto atópase en fase de pre-produción dende setembro e a rodaxe terá lugar os días 6, 7 e 8 de maio na Mariña Lucense, concretamente nas comarcas de Foz e Ribadeo.

A ficción, de non máis de dez minutos de duración, narra a historia de Marina Xil, unha muller que se enfronta a soidade tras a perda do seu marido. A súa nova realidade débuxase entre o silencio e pequenas escenas cotiás que evocan recordos dun pasado compartido. 

OCO reflexiona sobre o baleiro que deixa a morte, a maneira na que a ausencia se transforma en presenza e como seguimos habitando os espazos que un día compartimos con aqueles que xa non están.

A dirección e o guión da curtametraxe están a cargo de Anxo González, mentres que Gabriela García asume a dirección de produción e Sara Rubido encárgase da dirección de arte.

Para estes tres estudantes, OCO representa o seu Traballo de Fin de Grao, un proxecto co que buscan plasmar a súa visión creativa e consolidar os coñecementos adquiridos ao longo da carreira.