Oito empresas optan a construír o novo colector entre Pastoriza e Picotes

Marín
21 de outubro 2021

A actual depuradora de Pastoriza ten os días contados. Oito empresas presentaron as súas ofertas para adxudicarse o contrato de construción dun novo colector entre Pastoriza e Picotes, que permita solucionar os problemas de saneamento na zona de Ardán

Reunión na Pastoriza
Reunión na Pastoriza / Concello de Marín

A actual depuradora de Pastoriza ten os días contados. Oito empresas presentaron as súas ofertas para adxudicarse o contrato de construción dun novo colector entre Pastoriza e Picotes, que permita solucionar os problemas de saneamento na zona de Ardán.

O goberno municipal agarda que a adxudicación destes traballos, nos que se investirán 200.000 euros procedentes dos remanentes de tesourería do Concello, se poida realizar durante as próximas semanas.

A posta en marcha deste proxecto tivo o seu inicio nunha reunión coa veciñanza, coa que se consensuou clausurar a depuradora actual pola súa ineficacia, confirmada de xeito recorrente por informes técnicos, e proxectar unha nova canalización.

O edil de Rural, Pablo Novas, explica que o proxecto xa conta con todas as autorizacións necesarias por parte de Medio Ambiente, Patrimonio e Augas de Galicia.