Ollo, condutores de camións e furgonetas!: Tráfico vixíavos de preto esta semana

Pontevedra
08 de febreiro 2015

Durante sete días, axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil levarán a cabo unha intensa campaña de inspeccións nos vehículos dedicados ao transporte de mercadorías, unha frota que supera as 244.000 unidades en Galicia

Control da Garda Civil na peaxe da AP-9
Control da Garda Civil na peaxe da AP-9 / Diego Torrado

A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) inicia este luns na provincia de Pontevedra unha campaña intensiva de vixilancia e control de camións e furgonetas. Durará ata o próximo domingo día 15. Está enmarcada na programación anual de campañas e operacións especiais que se levan a cabo co obxectivo prioritario de mellorar a seguridade vial e concienciar os usuarios das vías da importancia de comportamentos máis seguros.

Durante sete días, axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil levarán a cabo inspeccións nos vehículos dedicados ao transporte de mercadorías, unha frota que supera as 244.000 unidades en Galicia. Farán especial incidencia en verificar aspectos como as condicións técnicas e os elementos de seguridade do vehículo, o seu peso, o acondicionamento da carga, o estado dos pneumáticos ou o axeitado funcionamento da iluminación.

Realizarán ademais verificacións de carácter administrativo, examinando a documentación do vehículo e o permiso dos condutores; comprobarán os tempos de condución e descanso, así como o consumo de alcohol. Tamén vixiarán a velocidade e o mantemento da distancia de seguridade.

Na última campaña específica de vixilancia e control de camións e furgonetas en Galicia, desenvolvida do 10 ao 16 de febreiro de 2014, controláronse 2.044 vehículos, dos que 342 foron obxecto de denuncias. Entre esas denuncias figuran as referidas a infraccións relacionadas con tacógrafos (89), exceso de horas de condución e minoración de descansos (78) e exceso de velocidade (23).

Ao longo do ano 2014, rexistráronse en Galicia 54 accidentes de tráfico con implicación de, polo menos, un camión ou furgoneta. Un destes sinistros saldouse cunha vítima mortal.

 DIFERENTES CONDICIÿNS

A DGT recorda que a condución deste tipo de vehículos non é igual que a dun turismo, xa que o seu comportamento dinámico é diferente, sobre todo se levan carga. A suxeición desta é vital, pois calquera desprazamento incide sobre a estabilidade do vehículo por variación do centro de gravidade. Precisamente a excesiva ou mala colocación da carga está detrás da alta incidencia de saídas de vía e xiros neste tipo de vehículos.

O risco na condución de camións e furgonetas é maior que en turismos tamén ante o menor equipamento de seguridade activa e pasiva. Ademais, a sensación de seguridade que experimenta o condutor, a menor velocidade e a elevación da cabina, leva a que o número de distraccións sexa maior e o uso de cinto sexa menor. Igualmente, existe un maior risco para os ocupantes doutros vehículos e peóns, especialmente en zona urbana.