A tradicional procesión de San Roque de Cuntis celebrouse este xoves coa participación de numerosos veciños de toda a zona.
Como é habitual, os veciños de Sebil organizaron o tradicional paseo de San Roque. Con saída na aldea de Cequeril, o Santo percorreu unha serie de aldeas para acabar na propia aldea de Sebil.
O máis característico do percorrido desta procesión é, que no seu paso polo río Umia, os veciños están obrigados a construír unha pequena pasarela de paus.
Grazas a esta estrutura, a comitiva pode completar o seu traxecto ata Sebil, mantendo viva unha tradición con máis dun século de antigüidade.
As orixes desta celebración remóntanse a tempos nos que un grupo de veciños sacou a imaxe de San Roque en procesión para pedir protección contra enfermidades como a peste, establecendo así unha tradición que perdura no tempo.
É unha das celebracións relixiosas máis emblemáticas do verán, polo seu percorrido e pola súa distancia, ata once quilómetros de andaina co santo ao lombo.
A comitiva atravesou diversos camiños, sendas e pistas forestais nunha xornada que comezou con fresco e rematou sendo moi calorosa.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e o seu homólogo de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, participaron na procesión.