'Un chocolatiño quente?' é o programa impulsado desde a Concellaría de Servizos Sociais que provocou unha onda de solidariedade en Sanxenxo.
"Sanxenxo é solidario e volveo a demostrar unha vez máis. O chocolatiño foi a excusa para unha resposta impresionante por parte de colectivos e veciños das distintas parroquias", afirma a edil Paz Lago.
Dorrón recolleu case 500 quilos de produtos alimenticios que este martes foron depositados na sede do Banco de Alimentos en Vilalonga pola presidenta do colectivo veciñal, Encarna Otero, e a presidenta da AC Soalleira, Mari Agís.

Ademais os colectivos organizadores do Bosque de Nadal aproveitaron a ocasión para recoller xoguetes.
Todo o material doado será entregado a Cáritas para ser repartido entre as familias con nenos que o necesiten.
Tanto o Banco de Alimentos Rías Baixas como Cáritas, organizacións sen ánimo de lucro, colaboran durante todo o ano coa administración local para dar cobertura ás necesidades básicas das familias do municipio.