Xa comezaron os traballos para o traslado das áreas municipais de obras, xardíns, electricidade e praias á súa nova sede, a nave de servizos de Nantes.
Esta nave, que ten unha superficie de 3.800 metros cadrados, está situada no parque empresarial do municipio.
Este cambio de localización permite centralizar de forma máis eficiente os servizos, destaca o goberno municipal, e aforrar 40.000 euros ao ano polo aluguer do almacén.
"Esta nova edificación permítenos unha mellor distribución e organización do material e do traballo", asegura o concelleiro responsable da área de servizos, Yago Torres.
A nave susténtase mediante alicerces de formigón prefabricado sobre os que apoian cerchas a dúas augas prefabricadas. A cuberta da nave é de estrutura prefabricada como soporte da cobertura de paneis sándwich que actuarán de illamento.

As fachadas, pola súa banda, son paneis de formigón armado prefabricados e incorporan unha coroación trasventilada con paneis metálicos texturizados e paneis con elementos translúcido de policarbonato celular e illamento intermedio.
O edificio conta ademais con paneis solares co obxectivo de que sexa un edificio sostible e ecoeficiente e o seu exterior dispón dun aparcadoiro e un xardín.
O acabado da nave resólvese con formigón pulido e gres antiescorregadizo para os cuartos húmidos.
Na carpintaría exterior, de aluminio anodizado, proxéctase a instalación de portais de acceso por fachadas, de tipo corredera e seccionais elevables.
A terra extraída na parcela, que ten unha superficie de 8.343 metros cadrados, será reutilizada no acondicionamento da contorna da nave.