O proxecto para a renaturalización do Gafos que o Concello de Pontevedra presentou publicamente este venres supón, para o voceiro do PSOE de Pontevedra, Iván Puentes, un "grande orgullo".
O líder socialista aproveitou este sábado para lembrar o proxecto 'Pontevedra Flúe' que el impulsou durante o pasado mandato no goberno local.
Para o concelleiros socialista, este proxecto que agora presenta o gobierno local amosa "o acerto da estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe", un plan que lembra que trazou para captar fondos europeos.
Así, Puentes celebra que "por fin, tras dous anos de mandato, o goberno local decidise asumir e executar a proposta presentada polo partido socialista en 2020", nese último mandato no que el era concelleiro de Desenvolvemento Sostible.
Tamén quixo reivindicar o seu papel neste proxecto, que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, recoñeceu o venres durante a presentación.
Puentes saca peito de que, a marxe da elaboración do proxecto, o PSOE fixo "o máis importante" para unha actuación desta envergadura, que foi "acadar os cartos necesarios para poder executar a intervención: unha achega de 2,3 millóns de euros de fondos europeos". O proxecto final será de 4,6.
Tamén desexou Puentes que "o atraso acumulado no inicio dos traballos non supoña a perda deses cartos" e avanzou que os socialistas estarán "vixiantes" e colaborarán "activamente para que non sexa así".