A visita dos Bombeiros de Pontevedra e un reparto de bicos solidarios serviron este venres para conmemorar no Hospital Provincial o Día do Neno Hospitalizado.
Con esta iniciativa, cada ano búscase poñer en valor o esforzo de humanización que permanentemente efectúan os profesionais sanitarios, voluntarios e docentes para facer máis confortables e amenas as estadías e ingresos dos nenos e nenas nos centros hospitalarios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
O persoal da área de Pediatría organizou un lanzamento de bicos cos nenos que poideron facelo, así coma a visita dun equipo dos Bombeiros de Pontevedra, que compartiron cos meniños obsequios e material de intervención.
A visita puxo ledicia e agarimo á celebración, sumándose a esta conmemoración tan especial.
Durante esta celebración no Hospital Provincial de Pontevedra, á que asistiron responsables do servizo de Pediatría e do equipo directivo da área sanitaria, procedeuse á lectura dun manifesto do Día do Neno Hospitalizado para seguir reivindicando a importancia de que esta xornada apareza no calendario de celebracións.
Piden tamén que desde o Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social declaren oficialmente o 13 de maio como Día Nacional do Neno Hospitalizado.
Na aula de actividades da área de Pediatría-Escolares do Hospital Provincial efectuáronse artesanalmente uns recortables en forma de bicos co logotipo do Día do Neno Hospitalizado.
Como colofón, tamén se interpretou a canción ‘Un bico redondo’, de Conchita.