Unha representación de bombeiros dos catro parques do consorcio provincial, Ribadumia, Vilagarcía, Morrazo e Baixo Miño, quixeron achegarse a apoiar ao seu compañeiro representante sindical que este venres 24 de novembro tiña pendente un xuízo contra a empresa concesionaria Matinsa.
Como levan meses denunciando desde o comité de empresa, que forman os sindicatos SibGal, UXT, CCOO e CIG, a empresa concesionaria "non presta un servizo de bombeiros de calidade aos cidadáns" da provincia de Pontevedra xa que aseguran que "os incumprimentos de pregos e a non substitución adecuada das baixas do persoal crean unhas graves deficiencias no servizo".
Apuntan desde o comité que todas estas denuncias públicas, ante o consorcio e ante inspección de traballo "parecen molestar á firma madrileña, pois Matinsa comezou a expedientar a representantes sindicais por diversos motivos", chegando a abrir expediente a un deles por faltas supostamente moi graves con ameaza de despedimento.
"É evidente que este comité de empresa non se amedrentará a pesar das presións da empresa e seguirá loitando polo ben dos cidadáns e dos excelentes profesionais que forman o colectivo de bombeiros do consorcio, máis se cabe tras a demostración de apoio por parte de todos e cada un dos traballadores ao compañeiro que hoxe se enfrontaba ao sempre desagradable trámite de ter que ir ao xulgado por realizar o seu labor sindical", afirma o comité de empresa nun comunicado.
Finalmente o xuízo suspendeuse a petición da empresa Matinsa por considerar que debe resolverse un conflito colectivo previo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.