Os bombeiros retiran un niño de avespas velutinas nun edificio de Augusto García Sánchez

Pontevedra
09 de setembro 2023

A veciñanza alertara da presenza do niño situado na cornisa do inmoble e foi necesaria a intervención dos bombeiros coa escaleira para retirar o niño durante a mañá deste sábado. Durante a noite, os bombeiros tiveron que sufocar as lapas do incendio rexistrado no observatorio de aves situado no humidal de Alba

Retirada do niño de velutinas por parte dos Bombeiros de Pontevedra
Retirada do niño de velutinas por parte dos Bombeiros de Pontevedra / Miguel Abal González

Os bombeiros de Pontevedra eran requiridos este sábado para retirar un niño de velutinas que se atopaba nunha zona elevada do edificio número 16 da rúa Augusto García Sánchez, en Campolongo.

Pasadas as 11.00 horas, dous camións do Parque Municipal de Bombeiros desprazábanse ata a zona para efectuar a retirada #ante a preocupación veciñal xa que era imposible retiralo desde algunha das vivendas.

Cos traxes especiais de protección e utilizando a escaleira mecánica, os bombeiros lograban retirar o niño situado baixo a cornixa do edificio.

Tamén durante a noite, preto das 00.00 horas, os bombeiros tiveron que sufocar as lapas que se orixinaron no observatorio de aves do humidal das marismas de Alba. Rexistráronse danos materiais. Trátase dunha zona utilizada habitualmente por indixentes para refuxiarse. Nesta ocasión, os bombeiros indicaron que non se observo a presenza de ningunha persoa na zona.

Por outra banda, a choiva e a tormenta das últimas horas non provocou ningunha incidencia, segundo informa a Policía Local de Pontevedra. Decretouse a alerta amarela polas tormentas que se agardan durante a tarde e noite deste sábado.