Pura Matos Ventín acaba de cumprir 100 anos e, para celebralos, recibiu dous ramos de flores. Leváronllos ao mesmo tempo, un cada un, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
López e Lores visitaron á nova centenaria da cidade no centro para maiores de Campolongo, onde reside, e trasladáronlle os seus parabéns.
O director da residencia, Juan José López Peña, tamén quixo compartir a efeméride con esta muller, que chega ao centenario cun magnífico estado de saúde.
Tanto o delegado da Xunta como o alcalde de Pontevedra expresaron o seu desexo de compartir un momento similar con Pura Matos o vindeiro ano.
Na celebración non faltaron unha gran tarta nin candelas, que a centenaria soprou entre os aplausos de todos os residentes deste centro da Xunta, que quixeron compartir esta celebración.