Os comerciantes piden que as terrazas dos bares non resten visibilidade aos seus negocios

Pontevedra
09 de maio 2017

O goberno municipal segue coa súa xeira de contactos para avanzar na nova ordenanza que regulará a actividade das terrazas e veladores da hostalería. Tras un primeiro contacto co sector, o Concello decidiu abrir as conversas con outros colectivos que poden estar afectados por esta actividade. Así, os seguintes en ser consultados foron os comerciantes

Terraza en Pontevedra
Terraza en Pontevedra / Mónica Patxot

O goberno municipal segue coa súa xeira de contactos para avanzar na nova ordenanza que regulará a actividade das terrazas e veladores da hostalería. Tras un primeiro contacto co sector, o Concello decidiu abrir as conversas con outros colectivos que poden estar afectados por esta actividade. Así, os seguintes en ser consultados foron os comerciantes.

A concelleira Anabel Gulías mantivo este encontro con membros do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Aempe, Galerías Oliva e Cámara de Comercio.

Todos eles mostraron o seu apoio a que se melloren as condicións nos que os hostaleiros poden colocar as súas terrazas no espazo público, sempre que cumpran unha serie de condicións.

Os comerciantes reclaman que a súa actividade non choque coa convivencia veciñal, que non entorpezan a carga e descarga dos establecementos e que os elementos decorativos das terrazas, especialmente as áncoras ou os toldos, non interrompan a actividade comercial, é dicir, que non reste visibilidade aos negocios.

 "Son cuestións todas elas razoables", indicou a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, quen comparte a formulación de que os veladores e terrazas teñen que convivir co día a día da cidade.

O encontro forma parte da rolda de contactos posta en marcha polo Concello para escoitar as demandas dos distintos colectivos empresariais e sociais respecto aos veladores, recoller achegas e finalmente acadar o maior consenso posíbel na revisión e actualización da ordenanza vixente.

Para os próximos días hai previstos novos encontros.