As Mancomunidades de Montes do Castrove-Salnés, Pontevedra e O Morrazo, inician unha campaña de difusión baixo o título: "o monte veciñal non é público".
Os voceiros destas comunidades compareceron este luns en rolda de prensa en Pontevedra para lamentar que "nos últimos tempos" o monte veciñal en man común, e as comunidades de montes, "estamos a ser branco de todo tipo de actuacións e comentarios por parte de cidadáns que fan uso dese territorio con diferentes fins", entre outros o sendeirismo, ciclismo de montaña, motos, quads, gando ou caza, e que lles acusan da colocación de cables cortando senllas, obstáculos no medio de pistas, carteis con prohibicións e "tamén por accidentes que se producen, achacando ás comunidades a responsabilidade".
Os comuneiros do Castrove-Salnés, Pontevedra e O Morrazo, impulsan unha declaración por un uso seguro e sostible do monte veciñal na que se recolle o "rexeitamento inequívoco, se tan cousa se fixese" de calquera medida que tivese tomado para facer dano aos usuarios do monte, como é o caso dalgúns cables para evitar o paso de ciclistas e motoristas. Pediron que caia "todo o peso da lei" sobre aquelas persoas responsables destas medidas.
Debido a esa situación e co obxecto de informar cales son as características destes montes para o seu goce, as entidades citadas inician unha campaña para reivindicar a súa propiedade.
Aseguran que a gran maioría dos cidadáns considera este tipo de espazos verdes como solo público cando se trata de gozalo e de propiedade privada á hora de reclamar o seu mantemento. Non obstante, ir ao monte a recoller cogomelos, castañas ou leña, require da autorización por parte dos propietarios do monte, aínda que na maioría dos casos se permite sen problemas este uso de todos os cidadáns.
Claudio Quintillán e Carlos Morgade, voceiros deste colectivo, invitaron a toda a poboación urbana e rural a que "coñeza e gocen do monte", recordan que o monte veciñal "podería estar pechado con cancela, sen embargo é un monte aberto e cunha clara vocación social", que pode ser utilizado por toda a sociedade en actividades "que non supoñan un uso agresivo ou que produza deterioración deste".
A campaña que impulsan estas comunidades insistirá en que o carácter de monte aberto "non debe facer esquecer que os montes comunais son unha propiedade privada dos veciños". Isto recordarase en carteis informativos instalados nos montes e mediante a celebración dunha serie de conferencias acerca da xestión destes espazos.
Estas charlas están dirixidas á poboación urbana, xa que os veciños do rural coñecen perfectamente a situación.