Os espantallos reclaman o seu protagonismo á beira do río Barbeira

A Lama
29 de maio 2013

Estamos afeitos a velos no medio de cultivos para que aves e outro tipo de animais non danen as colleitas, pero na Lama os espantallos cambian completamente de función. Polo menos, unha vez ao ano. Isto é o que persegue un concurso que chega á súa cuarta edición. Con motivo da apertura da tempada de sendeirismo, a asociación cultural Río Barbeira aposta por convertelos en todo un atractivo turístico

Espantallos que participan na cuarta edición do concurso organizado en A Lama
Espantallos que participan na cuarta edición do concurso organizado en A Lama

Estamos afeitos a velos no medio de cultivos para que aves e outro tipo de animais non danen as colleitas, pero na Lama os espantallos cambian completamente de función. Polo menos, unha vez ao ano. Isto é o que persegue un concurso que chega á súa cuarta edición. Con motivo da apertura da tempada de sendeirismo, a asociación cultural Río Barbeira aposta por convertelos en todo un atractivo turístico.

A novidade este ano é que, para facilitar que os visitantes poidan contemplalos dunha forma máis cómoda, en lugar de estar repartidos ao longo da ruta Tras os pasos do río Barbeira, que discorre pola parroquia de Escuadra, todos os espantallos participantes no concurso concentráronse nunha leira do lugar de Verdugo, punto inicial desta ruta circular de sendeirismo.

Son preto dunha vintena de propostas creadas non só por veciños da Lama, senón tamén de municipios próximos, que durante as últimas semanas e dedicaron a deseñar e elaborar os seus espantallos. A temática para a súa confección é totalmente libre aínda que, como sinala o presidente da asociación cultural, David Vidal, "este ano coincide que hai moitos espantallos reivindicativos e relacionados coa crise".

Hai espantallos típicos, feitos con palla e cos brazos en cruz, e outras figuras máis innovadoras ou atrevidas. Todo vale para lograr sorprender ao xurado desta nova edición dun concurso que, ano tras ano, gaña novos adeptos.

Os premios deste orixinal certame, no que colaboran o Concello da Lama e numerosos negocios locais, entregaranse na Festa da Ruta do Río Barbeira que se celebrará o próximo 8 de xuño na aldea de O Peso. Haberá recompensa económica para os mellores espantallos.

As fotos que ilustran esta noticia foron cedidas a PontevedraViva por http://xoanarcodavella.blogspot.com.es/.