Os postos baleiros do 'gastromercado' sairán a licitación "en breve"

Pontevedra
06 de xaneiro 2023

Yoya Blanco explicou a PontevedraViva nos últimos días que no seu servizo están "á espera" dun informe dos servizos técnicos antes de proceder a sacar a licitación estes postos. Tamén asegurou que "temos moita xente chamando e preguntando que teñen necesidade do coller postos para facer algún proxecto"

Adornos e iluminación do Mercado de Abastos no Nadal 2022 Mónica Patxot

A dinamización da primeira planta do mercado de Pontevedra, o coñecido como 'gastromercado', chegará "en brevidade" coa licitación dos postos de comida que están baleiros e que restaron vida a este espazo gastronómico. 

A  concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, explicou a PontevedraViva nos últimos días que no seu servizo están "á espera" dun informe dos servizos técnicos antes de proceder a sacar a licitación estes postos. 

Así, lembra que faltaban dous informes, xa se recibiu un e agora están á espera do segundo, do que asegura que "espero que estea en brevidade". 

Desta maneira, a súa intención é que "a principios" desde ano 2023 xa se poida licitar os postos e, desta maneira, responder a unha elevada demanda que existe para o espazo gastronómico.

"Temos moita xente chamando e preguntando que teñen necesidade do coller postos para facer algún proxecto", explicou Yoya Blanco. 

O Concello de Pontevedra e o CIFP Carlos Oroza están a ultimar a firma dun convenio para incorporar á escola de hostalería a este espazo gastronómico e contribuír á súa dinamización.

A previsión é que a escola xestione de maneira regular tres postos, que ocupan uns 24 metros cadrados, a partir de principios deste ano 2023 coa intención de achegar todas as súas actividades á cidade.

Así, haberá presentacións de produtos gastronómicos, actividades de divulgación, degustacións ou talleres formativos.