Os postos vacantes do gastromercado sairán a concurso antes de final de ano

Pontevedra
01 de maio 2022

"Urxe revitalizar o gastromercado e para iso temos que meter xente nova", afirma a edil Yoya Blanco, que avanza que o procedemento administrativo está "moi avanzado". A intención é que os postos que están libres sexan ocupados por propostas gastronómicas que complementen ás xa existentes

Espazo gastronómico do Mercado Mónica Patxot

Camiño dos tres anos desde a súa apertura, o gastromercado da praza de abastos de Pontevedra non atravesa o seu mellor momento. A pandemia, que interrompeu a súa actividade durante meses, e o peche dalgunhas das súas propostas gastronómicas non llo puxeron fácil.

Pero no goberno municipal parecen estar decididos a revitalizar este proxecto, conscientes do seu potencial e do atractivo que supón para toda a actividade do mercado.

Así, a falta dos informes técnicos que o avalen, o departamento de Promoción Económica prevé sacar a concurso todos as postos vacantes antes de que finalice este ano.

"Urxe revitalizar o gastromercado e para iso temos que meter xente nova", afirma a edil socialista Yoya Blanco, que avanza que o procedemento administrativo está "moi avanzado".

A intención é que os postos que están libres sexan ocupados por propostas gastronómicas que complementen ás xa existentes, enriquecendo así a oferta global deste espazo.

A este respecto, o Concello confía en que este novo concurso para adxudicar os postos sexa un éxito, ante o crecente interese que detectaron nos últimos meses por este proceso. 

Ás novas iniciativas sumarase, se todo vai segundo o planeado, o CIFP Carlos Oroza, para o que reservou desde o principio un dos postos deste espazo gastronómico.

A escola de hostalería, explica Blanco, "sempre di que si a todo o que lle propoñemos" e, neste caso, "están no proceso de ver o que necesitan" para asumir esta responsabilidade.

Os mozos aprendices da escola pontevedresa, supervisados polos seus profesores, terán a oportunidade de realizar prácticas nunha contorna real, ofrecendo aos clientes as súas propostas.

Nestes momentos, ademais de Olmos Gastrobar e Bar Praza, as dúas cafeterías permanentes da primeira planta do mercado de abastos, permanecen abertos sete postos do gastromercado.

Son A Batea (mexillóns), A Fervella (cociña tradicional), La Merluzoteca (pescada), Umami Poké (pokés e ensaladas), Na Pola (hamburguesas e elaborados de pito) e, en canto a bebidas, Nasa (cervexas artesás) e A Viñoteca (viños).

Polo camiño quedaron A Polbería (polbo), Piada Romagnola (piadas e zumes), Sete de Abastos (afumados e conservas) e Filamento (vermuts e cócteles), polo que as vacantes, sumados os locais que non se encheron no seu día, son preto dunha ducia.