Os remanentes do Plan Concellos servirán para crear unha sala de interpretación do Bueu Romano

Bueu
26 de outubro 2022

Parte dos fondos do plan provincial correspondente ao ano 2021 destinaranse tamén á pavimentación de viais na localidade da Torre, en Cela

Ubicación na que o Concello instalará a sala de interpretación do Bueu Romano Concello de Bueu

A Deputación Provincial de Pontevedra vén de aprobar os remanentes do Plan Concellos 2021, polo que se autoriza ao Concello a dispoñer desas axudas para acometer unha pavimentación de dous tramos de camiño no lugar de A Torre, na parroquia de Cela, e para o acondicionamento de local para a Sala de Interpretación do Bueu Romano. 

Segundo avanza Félix Juncal, alcalde de Bueu e encargado da área de obras e servizos, na zona da Torre acometeuse a ampliación da rede de saneamento e abastecemento, e agora vaise levar a cabo a pavimentación deses dous tramos de camiño, cun importe de 26.700 euros. “Continuamos a avanzar nos servizos básicos para toda a vila, cunha especial atención ao rural”, salienta Juncal.

Ademais, a Deputación tamén autorizou o investimento de 50.500 euros que se corresponden coa achega municipal para o proxecto de acondicionamento de local para a Sala de Interpretación do Bueu Romano. As obras, cun orzamento de licitación de 200.500 euros, fináncianse con cargo a un convenio asinado entre o Concello de Bueu e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Esta é a primeira fase dun proxecto que busca poñer en valor dos restos arqueolóxicos atopados no lugar de Pescadoira, onde se detectou a existencia de dous xacementos arqueolóxicos da época romana. 

Esta intervención vén xustificada pola necesidade de recuperar e valorizar este patrimonio vinculado á historia mariñeira de Bueu, co que se completará a oferta museística da vila. Con este proxecto percorreríase cronoloxicamente a historia da pesca no municipio, empezando pola visita á Sala de Interpretación do Bueu Romano, a vila transformarase nun gran museo do mar con percorridos por lugares tan característicos como a Salgadura de Mourisca, o Estaleiro de Purro, única carpintaría de ribeira que se conserva en toda a ría de Pontevedra; ou o Museo Massó.

A intervención preténdese realizar na contorna de protección do xacemento romano de Pesqueira e no xacemento romano de San Martiño, bens incluídos no Catálogo do PXOM do Concello de Bueu e protexidos por Patrimonio de Galicia.