Os traballos de poda das árbores da cidade chegan á Praza de Galicia

Pontevedra
06 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O propósito destes traballos é alongar a vida dos exemplares, evitar situacións de perigo coas súas pólas e mellorar a calidade de vida da veciñanza da zona  

Poda de árbores na Praza de Galicia
Poda de árbores na Praza de Galicia / Concello de Pontevedra

A campaña de poda, limpeza e tala no arborado de toda a cidade chegou nas últimas horas á Praza de Galicia, unha das principais áreas verdes de Pontevedra. 

O propósito destes traballos é alongar a vida dos exemplares, evitar situacións de perigo coas súas pólas e mellorar a calidade de vida da veciñanza da zona.

Estes traballos, que se están estendendo por todos os barrios da cidade, rematarán no mes de abril coa poda e limpeza das palmeiras que hai en Pontevedra, en concreto, as da avenida de Vigo, Sagasta e Gutiérrez Mellado.

En todos os casos son labores de diversa consideración, desde podas de seguridade, de formación ou de control nos casos en que o tamaño da árbore exceda o espazo dispoñible a talas de exemplares enfermos ou mortos que por motivos de seguridade deben ser eliminados.

A necesidade de podar algúns exemplares que invadían as fiestras dos edificios era unha petición reiterada por parte da veciñanza de distintos barrios.

Esta demanda levou ao Concello a priorizar estas intervencións dentro do departamento de parques e xardíns, xa que ata o de agora íanse facendo traballos puntuais, o que fixo medrar sen control algunhas especies.